InicioAbout

About

O proxecto:

GloSabio é unha ferramenta dixital para a recuperación e a consulta de información actualizada e contrastada sobre topónimos e antropónimos mencionados nas Cantigas de Santa María. A iniciativa enmárcase dentro do proxecto 2022-PG086 Nomes propios nas Cantigas de Santa María: persoas e lugares. Creación dun dicionario en formato libro dixital e dunha base de datos na rede, financiado pola Xunta de Galicia e realizado na Universidade de Santiago de Compostela.

Historia e obxectivos de GloSabio:

As Cantigas de Santa María foron obxecto de moitos estudos, cada un baixo unha distinta perspectiva: precedentes narrativos, modelos musicais, tradición manuscrita e aspectos métricos e retóricos. A pesar disto, case nunca se estudaron dun xeito sistemático canto aos nomes propios nelas mencionados. Un dos poucos precedentes puntuais que se pode insertar nesta liña de investigación remóntase ao 1927: a publicación, ao coidado de Agapito Rey, do “Índice de nombres propios e de asuntos importantes de las Cantigas de Santa Maria” no núm. 14 do Boletín de la Real Academia Española (pp. 327-355). Este traballo é pouco máis que un índice, pero as entradas non foron desenvolvidas convenientemente. A este respecto, cómpre siñalar como xa no 1977, o especialista Joseph T. Snow comentaba que os resultados dados a coñecer por Agapito Rey constituísen “a useful supplementary index to the Valmar ed. Catalogues names of people and places in the CSM [...]”, pero que este estudo necesitaba “to be revised” e, sobre todo “to be expanded”, quizais con ampliación de información e máis propostas interpretativas sobre os nomes propios. Dende o 1959 até o 1972, apareceron os volumes da nova edición crítica das Cantigas de Santa María do filólogo alemán Walter Mettmann. Apuntamentos sobre nomes propios foron relegados ás notas dos textos – tamén con meditadas propostas editoriais – para permitir ao lector un rápido recoñecemento dos referentes. Outras indicacións deste tipo destináronse ao Índice e, sobre todo, ao Glosario (vol. IV), este último con información suficiente canto ao valor contextual de substantivos e nomes propios, mais – como sempre asevera Joseph Snow – “without etyma”. A nova proposta editorial de Walter Mettmann tivo o mérito de ofrecer un texto máis fiable, feito que debeu animar a outros especialistas en emprender investigacións sobre topónimos e antropónimos para mellorar o material interpretativo dispoñible, pero nunca de xeito sistemático. No 2012, finalmente, apareceu o artigo intitulado “Antropônimos e Topônimos nas Cantigas de Santa Maria” (in: Série Estudos Medievais 3 – Fontes e edições), de Gladis Massini-Cagliari e Helena Maria Boschi da Silva. Non obstante, malia o título, este estudo non ofrece unha mostra analítica dos nomes propios que aparecen na obra mariana do Rei Sabio. Este traballo, de feito, como especifican as súas autoras na introducción, “realiza um levantamento das occorrências de topônimos e antropônimos de origem estrangeira nas Cantigas de Santa Maria [...] utilizando como corpus a edição de Mettmann”. Ademais, o listado de antropónimos e topónimos é utilizado por un estudo de corte lingüístico, para averiguar o grao de adaptación de estranxeirismos ao sistema fonolóxico do “Português Arcaico”. Considerada a escaseza de estudos sistemáticos sobre topónimos e antropónimos nas Cantigas de Santa María coa conseguinte falta de publicacións exhaustivas sobre este aspecto, o presente proxecto quere suplir esta carencia, abrindo e liderando unha liña de investigación orixinal, cuxa única mostra orgánica remonta de feito ao traballo ao coidado de Agapito Rey do 1927. O obxectivo é o de emprender un renovado estudo de conxunto sobre topónimos e antropónimos na obra mariana do Rei Sabio, a través da súa clasificación, rexistro, desambiguación (cando sexa mester) e sobre todo ofrecendo por cada un destes elementos lexicais unha contextualización e explicación pormenorizada en relación ás Cantigas de Santa María onde aparecen. O traballo de investigación ten como finalidades principais a creación dun dicionario de fácil acceso e consulta – a través dunha edición en formato libro (preferentemente dixital) – así como dunha base de datos dedicada (de tipo ‘relacional’) que reúna todos os nomes propios transmitidos polas Cantigas de Santa María, xunto cos textos de referencia e unha ficha explicativa. A vontade de emprender un proxecto coma este responde á falta deste instrumento entre a comunidade investigadora, sempre máis interesada en ter ao propio alcance tales obras de consulta para mellorar o propio traballo editorial, ou tamén para ter unha útil e fiable información de partida para orientarse entre feitos históricos, personaxes e espazos nas Cantigas de Santa María. Esta nova explicación axudará a entender mellor o contexto de producción das Cantigas, así como a referencia a personaxes e/ou lugares históricos que, por agora, non son máis que nomes propios faltos de contido.

O autor:

Investigador principal: Manuel Negri. Doutor Internacional cum laude en Estudos Medievais (USC) e Premio Extraordinario cunha tese sobre a representación dos santos nas Cantigas de Santa Maria (dir. Elvira Fidalgo Francisco). Anteriormente, cursou os seus estudos na Università degli Studi dei Padova (Italia): licenciado en Letras cun traballo sobre métrica provenzal, en 2012 completa o máster en Filoloxía Románica na mesma universidade cunha proposta de edición crítica do trobador Afonso Paez de Braga. En 2018 entrou como Investigador Posdoctoral na USC levando a cabo o proxecto Literatura de eixo Atlántico: as Cantigas de Santa María de ámbito galego e portugués, en colaboración co Centro de História da Sociedade e da Cultura da Universidade de Coimbra e do Centre for the Study of the Cantigas de Santa Maria da Universidade de Oxford. Baixo a dirección de Elvira Fidalgo Francisco colaborou tamén no Proxecto Internacional de I+D As Cantigas de Santa Maria: da edición á intepretación (Ref.: FFI2014-52710-P), financiado polo MINECO. Na actualidade, é Investigador Posdoctoral Contratado na Universidade de Santiago de Compostela (I2 C Mod. B – Xunta de Galicia) onde traballa no proxecto Nomes propios nas Cantigas de Santa Maria: persoas e lugares. Creación dun dicionario en formato libro dixital e dunha base de datos na rede. Os seus intereses principais de investigación teñen que ver coas fontes das cantigas marianas. Os resultados destas investigacións publicáronse en revistas de alto impacto e déronse tamén a coñecer en varios congresos internacionais. É, ademais, membro da Asociación Hispánica de Literatura Medieval (AHLM) e da Sociedade de Estudos Medievais e Renacentistas (SEMYR)

Colaboradora: Almudena Bouzón Custodio (contrato vinculado á axuda Ref. ED481D-2022-008 da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades da Xunta de Galicia)