García Fernández, conde de Castela
- Orixe
- conde don Garcia (63, IV, 1) / conde (63, V, 1) /de Castela…sennor (63, V, 1) / el conde (63, VI, 1, VIII, 2, XVI, 1) / o conde (63, XII, 2)
- Data
- 1252-1284
Dublin Core
- Birth Date
- 941-944 ca.
- Birthplace
- Burgos
- Death Date
- 995
- Occupation
- Conde
- Biographical Text
- A CSM 63, ao respecto desta personaxe, di que estaba en posesión da cidade de San Esteban de Gormaz, mentres realizaba unha manobra de defensa contra os ataques do seu rival Almançor (al-Mansūr) coa esperada axuda dun fiel vasalo que entón será substituído por forzas celestes por permanecer máis tempo do necesario na misa durante as fases do conflito. Aínda que son escasas as referencias xeográficas, así como os nomes que o acompañan, estes permiten non obstante recoñecer detrás dun xenérico Don García ao conde de Castela nado en Burgos entre 941 e 944 e finado en Medinaceli en 995 (Martínez Díez 2005a: 330). Esta hipótese atoparía confirmación na segunda parte da Primera Crónica General (cap. 729), onde, con motivo da narración do mesmo acontecemento milagroso, o nome de García vai acompañado dunha información máis detallada sobre o pai e sobre a herdanza (Moreno Bernal 2004: 172, 183; Snow 2009: 499). O mesmo pódese deducir tamén da consulta do Fortalitium Fidei de Alonso de Espina que alude ao mesmo prodixio, xa que o lugar de nacemento de García se especifica ao comezo da prosa "vincunt christiani et angelus domini pugnat pro milite missas audiente cum devotione" (Sáenz García 1969: 14). Cuarto fillo de Fernán González –o creador do condado de Castela– e de Sancha, o nome de García Fernández aparece por primeira vez nun diploma do 1 de febreiro de 944: “Fredinando Gundissalbiz rb. Gundissalbo Fernandiz rb. Sancho Fernández Rb. Garsea Fernandiz rb.” (Torres Sevilla-Quiñones de León 1999: 213; Martínez Díez 2005a: 330, 395; Martínez Díez 2005b: 461). Casado quizais cara ao ano 965 coa condesa de orixe pirenaica Ava de Ribagorza (Martínez Díez 2005b: 461), do matrimonio naceron Gonzalo e Sancho García, así como as fillas Tegridia, Toda García e Elvira, esta última futura raíña de León (Torres Sevilla-Quiñones de León 1999: 210, 215 e 429). Tras a morte dos seus tres irmáns, sucedeu a Fernán González no ano 970 (Martínez Díez 2005a: 442). Os acontecementos biográficos máis importantes teñen que ver cos conflitos nos que foi protagonista co califa al-Hakam II (e o seu campión Galib) e, posteriormente, co líder musulmán Almançor. Fronte ao primeiro, cun ataque por sorpresa a Deza, retomaría as hostilidades no 974 tras uns anos de tregua promovida polo seu pai Fernán, ademais de marcada por un fluxo constante de embaixadores cristiáns no califato para reforzar os pactos de non agresión (Martínez Díez 2005a: 438; Martínez Díez 2005b: 467, 492). En 975, destaca no asedio ao castelo de Gormaz -apoiado pola autoridade do rei Ramiro III-, pero o ataque é rexeitado polos defensores musulmáns obrigando ao conde e aos seus aliados a retirarse (Pérez de Urbel 1979: 45; Martínez Díez 2005b: 478, 492). A fortaleza aínda estará controlada pouco despois. Logo dun período de paz para a comarca marcado pola fundación do infantado de Covarrubias para a súa filla Urraca, cunha conspicua dotación de bens mobles e territoriais, celebrado o 24 de novembro de 978, os conflitos co califato retomáronse a partir do verán de 979, cando Almanzor dirixiu unha redada contra Sepúlveda (Pérez de Urbel 1979: 59-67; Martínez Díez 2005b: 489-493, 517: 442). Durante o ano 981, antes mesmo da derrota de Torrevicente e con resultados aparentemente positivos, García Fernández loitou xunto ao xeneral Galib e o rei de Pamplona, unha alianza que se estima conveniente contra o inimigo común Almanzor, menos proclive a unha política de pactos e diplomacia no territorio peninsular. Porén, tras a morte do xeneral, viuse obrigado a fuxir (Pérez de Urbel 1979: 70-71; Martínez Díez 2005b: 496-497, 499). É probable que con motivo da chamada Campaña de las Tres Naciones de Almanzor -na que participaron Castela, Pamplona e os francos de Girona no verán de 982- García Fernández enfrontara coas forzas deste último. Seguramente isto aconteceu ao ano seguinte cando o conde defendeu Simancas das forzas musulmás, apoiadas por Sancho II de Pamplona e o rei de León Ramiro III. Foi unha campaña desastrosa para os cristiáns, dado que, tras un rápido asedio, moitos foron encarcerados e enviados a Córdoba (Martínez Díez 2005b: 502-503). García Fernández mantívose fiel ao rei Ramiro ata a súa morte o 26 de xuño de 985, para logo recoñecer a Vermudo II como monarca de León (Martínez Díez 2005b: 509). Neste período, Vermudo II paga tributos a Almanzor: en consecuencia, comeza un período de relativa tranquilidade para as terras do condal, que durante algúns anos non sufriron ataques (Martínez Díez 2005b: 510). Todo cambiou en 989, cando San Esteban de Gormaz volveu á vista de al-Mansur e, en xuño, o líder musulmán iniciou o seu asedio. Nun primeiro momento, Ibn abi Amir foi incapaz de dobrar a fortaleza, xa que o propio don García ideou unha sorprendente manobra con fins estratéxicos, aproveitando os desacordos entre as filas inimigas: aceptando a solicitude de protección do fillo de al-Mansūr (Abd Allah), unha vez rebelado contra o seu pai, conseguiu afastar temporalmente as guarnicións inimigas (Ruiz Asencio 1970: 3-4; Pérez de Urbel 1979: 96; Martínez Díez 2005b: 520). Despois de sufrir outras fortes derrotas ante Osma e Alcubilla e tras a crecente presión militar de al-Mansūr, ao final, no verán de 990, o conde García viuse obrigado a pedir a paz, entregando o seu protexido ao seu rival (Ruiz Asencio 1970: 5; Martínez Díez 2005b: 521-522). Porén, esta manobra non axudou a reconciliar aos dous antagonistas, xa que o fillo rebelde de Almançor, considerado xa á par que un inimigo, foi pronto decapitado. A partir de aquí ábrese a última etapa de goberno do conde García, marcada pola rebelión do seu fillo Sancho que, segundo os Anales Toledanos I, ten lugar cara ao ano 994 e que desemboca nunha auténtica guerra civil. Porén, tendo en conta un poema de Ibn Darraŷ al-Qastalli que alude a unha embaixada de Sancho en Almançor que tivo lugar entre o mes de marzo de 992 e o mes de febreiro de 993 así como o que transmiten os anais Castellanos Segundos e por unha cláusula dun diploma de Oña de 993 que menciona unha dobre rexencia, é probable que o conde García xa estivese en conflito aberto co seu fillo a partir de 991 (Ruiz Asencio 1970: 9; Torres Sevilla-Quiñones de León 1999: 215; Martínez; Díez 2005b: 526-527). En setembro de 991, don García visitou a corte de León para asistir á voda entre a súa filla Elvira e Vermudo II, unha manobra xustificada evidentemente pola necesidade de consolidar alianzas ante un inminente enfrontamento co inimigo musulmán, debido tamén ao apoio que lle ofreceu o seu fillo, probablemente agora completamente afastado da política do seu pai (Ruiz Asencio 1970: 10; Fidalgo Francisco, Muiña García 2005: 109; Martínez Díez 2005b: 528). Ante o trasfondo da guerra civil castelá, o exército musulmán non tardou en aparecer na fronteira co Duero en 993 para volver á carga de novo en San Esteban de Gormaz, pero sen éxito. Ao ano seguinte, porén, a fortaleza foi conquistada xunto con Clunia (Martínez Díez 2005b: 530). Isto supuxo un duro golpe para o conde, xa que este asentamento representaba o último bastión da fronteira fortificada capaz de conter o avance do inimigo cara ao interior do condado (Ruiz Asencio 1970: 9-13). A pesar das grandes perdas, García Fernández non se detivo e decidiu responder militarmente no 995, atacando, xunto cos cabaleiros que lle permaneceran fieis, as posicións ocupadas polos musulmáns. Foi a derradeira acción do valeroso conde: durante a famosa batalla de Alcoecer (18 de maio de 995), unha lanza cravada na cabeza acaba con el no campo de batalla (Martínez Díez 2005b: 537). Levado prisioneiro e trasladado ao final da súa vida á sede de Medinaceli, algúns médicos musulmáns intentaron o imposible para salvar a García Fernández da morte, pero todo intento foi finalmente en balde. A súa cabeza foi cortada e enviada a Córdoba como trofeo, mentres que o resto do corpo foi enterrado en Medinaceli. Actualmente os seus restos mortais repousan no mosteiro de San Pedro de Cardeña –lugar querido por el en vida e receptor de diversas doazóns (Pérez de Urbel 1979: 22-23; Zabalza Duque 1998: 335 ss.; Martínez Díez 2005b: 420-421)– xa que, coa autorización do propio Almançor e do seu fillo Sancho, os restos mortais foron reunidos (Ruiz Asencio 1970: 14). Tendo en conta que a CSM 63 alude a unha manobra defensiva para protexer a San Esteban de Gormaz (Chalon 1988: 257-258), reduto polo tanto en mans do conde, é lexítimo pensar que a intervención milagrosa debe situarse arredor do 989, no contexto do intento fallido de tomar a cidade polas tropas de Almançor (Mettmann 1986: 209), antes da fase da guerra civil fomentada por el e o seu fillo rebelde. Así mesmo, a CSM 63 tamén podería inspirarse na ocupación fracasada de San Esteban de Gormaz en 993, o ano anterior á súa capitulación definitiva. En ambos os casos, porén, trátase de datas nas que o conde xa gozaba dunha sólida reputación como antagonista de al-Mansūr, aspecto ao que se alude, ademais, no mesmo texto alfonsino: "[...] era bon hom' e d' atal coraçon | que aos mouros se fazia temer” (vv. 23-24)
- Bibliography
- Martínez Díez 2005a = Gonzalo Martínez Díez, El condado de Castilla (711-1038). La Historia frente a la leyenda. II, Castilla y León, Junta de Castilla y León, Consejería de Cultura y Turismo, Marcial Pons, 2005.
- Moreno Bernal 2004 = Jesús Moreno Bernal, “Versiones latinas y romances del Milagro del caballero devoto”, Revista de Filología Románica, 21, 2004, pp. 171-185.
- Snow 2009 = Joseph T. Snow, “Alfonso X y dos versiones del mismo suceso: su cantiga 63 y el capítulo 729 de la Primera Crónica General (Estoria d’España)”, in Medievalismo en Extremadura. Estudios sobre Literatura y Cultura Hispánicas de la Edad Media, Cáceres, Universidad de Extremadura, 2009, pp. 497-506.
- Sáenz García 1969 = Clemente Sáenz García, “Una excursión bibliográfica: el angel del Cascajar (leyenda soriana)”, Celtiberia: revista del Centro de Estudios Sorianos, 19/37, 1969, pp. 7-43.
- Torres Sevilla-Quiñones de León 1999 = Margarita Torres Sevilla-Quiñones de León, Linajes nobiliarios en León y Castilla (siglos IX-XIII), Castilla y León, Junta de Castilla y león, Conserjería de Educación y Cultura, 1999.
- Martínez Díez 2005b = Gonzalo Martínez Díez, El condado de Castilla (711-1038). La Historia frente a la leyenda. I, Castilla y León, Junta de Castilla y León, Consejería de Cultura y Turismo, Marcel Pons, 2005.
- Perez de Urbel 1979 = Fray Justo Perez de Urbel, Garcia Fernandez (el conde de las bellas manos), Burgos, Ediciones de la Excma. Diputación Provincial, 1979.
- Ruiz Asencio 1970 = José Manuel Ruiz Asencio, “La rebelión de Sancho García, heredero del condado de Castilla”, Hispania Sacra, 22, 1970, pp. 31-67.
- Fidalgo Francisco-Muiña García 2005 = Elvira Fidalgo Francisco-Milagros Muiña García, Cantigas de Santa María. Proposta de explotación didáctica, Santiago de Compostela, Xunta de Galicia, Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, 2005.
- Zabalza Duque 1998 = Manuel Zabalza Duque, Colección diplomática de los condes de Castilla. Edición y comentario de los documentos de los condes Fernán González, García Fernández, Sancho García y García Sánchez, Castilla y León, Junta de Castilla y león, Conserjería de Educación y Cultura, 1998.
- Chalon 1988 = Louis Chalon, “À propos du miracle de Cascajares”, en Studia in honorem prof. M. de Riquer, Barcelona, Quaderns Crema, 1988, pp. 257-261.
- Mettmann 1986 = Walter Mettmann (ed.), Alfonso X, el Sabio. Cantigas de Santa María. Cantigas de 1 a 100. I. Edición, introducción y notas, Madrid, Castalia, 1986.
Person Item Type Metadata
Colección
Etiquetas
Cita
Manuel Negri, “García Fernández, conde de Castela,” GloSabio: Persoas e Lugares nas Cantigas de Santa María, accedeu a 15 outubro 2024, https://glosabio.omeka.net/items/show/40.