Abran (cond')
- Orixe
- Cond' Abran (95, II, 1, XII, 4)
- Data
- 1252-1284
Dublin Core
- Birthplace
- Alemania
- Biographical Text
Antropónimo que caracteriza un personaxe de ficción protagonista da CSM 95. De orixe alemá, o conde Abrán acaba por vivir como ermitán na costa de Portugal, ata que é capturado polos musulmáns durante unha incursión procedente de África. Abrán distínguese pola sobriedade dos seus costumes e pola ausencia de cobiza, características que finalmente lle valen a admiración dos seus verdugos. Non se teñen outras noticias sobre este ermitán que non sexan as ofrecidas polo retrato literario que lle dedica a CSM. Jaime Ferreiro Alemparte, atento lector da obra mariana alfonsina, defíneo nun estudo célebre como “un extraño y pintoresco personaje que vivía entregado a la pesca y a la meditación en un promontorio frente al mar” (Ferreiro Alemparte 1971: 60). Como sinalou Déborah González Martínez, o nome de Abrán forma parte dese grupo de antropónimos que, na lírica galego-portuguesa, están “reafirmados pola relixión”, xunto cos casos de Abel, Aleixi, Bartolomeu, Mateus, Rachel, Samuel e Tomé, por citar só algúns (González Martínez 2007: 582). É, pois, probable que a elección do nome non sexa casual, senón que pretenda reflectir un precedente bíblico, xogando coa analoxía —aínda que a grandes trazos— entre as vicisitudes biográficas deste personaxe e o Abrán do Xénese. Tamén este último, despois de recibir unha instrución divina, emprende unha viaxe cara ao occidente, desde a súa cidade natal de Ur ata as actuais costas do Líbano e Siria, en Canaán. Para o Abrán do Xénese, esta viaxe supuxo tamén unha evolución espiritual, xa que o patriarca abandonou o culto aos deuses ancestrais para abrazar o monoteísmo de Yahvé (Xénese 12–25; Goosen Fuentes 2006: 15)
- Bibliography
- Ferreiro Alemparte 1971 = Jaime Ferreiro Alemparte, “Fuentes germánicas en las ‘Cantigas de Santa Maria’ de Alfonso X el Sabio”, Grial, 31, 1971, pp. 31-62
- González Martínez 2007 = Déborah González Martínez, “A onomástica persoal na lírica medieval galego-portuguesa”, in Na nosa lyngoage galega: a emerxencia do galego como lingua escrita na Idade Media, Santiago de Compostela, Instituto da Lingua Galega, Consello da Cultura Galega, 2007, pp. 579-602
- Goosen Fuentes 2006 = Louis Goosen Fuentes, De Abdías a Zacarías. Temas del Antiguo Testamento en la religión, las artes plásticas, la literatura, la música y el teatro. Traducción: María Felisa Lorda Alaiz, Madrid, Akal, 2006