Marcos (San)
- Títulos
- Marcos (San)
- Autor
- Manuel Negri
- Orixe
- CSM 133 (VII, 4), 292 (IX, 3), 295 (IV, 4), 426 (III, 4)
- Data
- 1252-1284
Dublin Core
- Forma nas CSM
- Marcos / San Marcos
- Ocupación
- Evanxelista
- Información prosopográfica
Nas Cantigas de Santa María (CSM), san Marcos aparece mencionado na totalidade das súas ocorrencias en virtude da súa autoridade evanxélica. Segundo unha posible lectura e interpretación de Act 12, 12 —sempre e cando o referente poida ser identificado co futuro evanxelista—, “Marcos” podería ser o alcume dun xudeu de orixe levítica que, en realidade, se chamaba Xoán. Trataríase do fillo dunha certa María na cuxa casa Xesús se reunira coa primeira comunidade cristiá en Xerusalén (Goosen Fuentes 2008: 186). Porén, unha lenda árabe transmitida nun sermón do bispo Severo de Nesteraweh (séc. IX) ofrece unha noticia distinta sobre o nome da nai —Ana— e engade tamén o do pai, Xoán. Segundo esta mesma lenda, durante o bautismo de Marcos a Virxe María pousaría a súa man sobre a súa cabeza, inspirándoo posteriormente na redacción do Evanxeo (Goosen Fuentes 2008: 186-187).
Este vínculo lendario e temperán coa nai de Xesús parece ter eco tamén na CSM 292, onde san Marcos é presentado como un dos favoritos da Virxe xunto co evanxelista Mateo (Mettmann 1989: 79). O lazo máis forte e significativo que Marcos experimentaría ao longo da súa vida é, sen dúbida, o que o uniu a san Pedro. Non só era este o seu mestre, senón que, segundo unha tradición consolidada, o apóstolo elixiría Marcos como intérprete persoal. Os relatos de Pedro constituirían ademais a base para a redacción do Evanxeo, cuxa autoría lle era atribuída polo menos desde o 130 ca. (Montes 2008: 359; Goosen Fuentes 2008: 186). Xunto con Pedro, o evanxelista atoparíase en Roma arredor do ano 60, para despois se desprazar a Oriente (Goosen Fuentes 2008: 186). Algúns relatos amplían o alcance desta colaboración, afirmando que Marcos foi enviado polo apóstolo a Aquileia para levar a cabo diversas tarefas, entre elas ordenar como bispo un tal Hermágoras (Goosen Fuentes 2008: 186). Este período da súa vida aparece tamén na Legenda Aurea, que informa de que, igualmente en Aquileia, o evanxelista bautizaría un zapateiro chamado Aniano (Goosen Fuentes 2008: 187).
Os Acta Marci —apócrifos do 400 ca.— relatan que, durante a festa de Serapis do ano 67, cando Marcos xa se atopaba en Oriente, foi capturado e arrastrado violentamente polas rúas da cidade. Morreu poucos días despois a causa das feridas sufridas. Esta non é a única versión sobre a súa morte: outras tradicións narran un final tráxico mediante o lume; lume que —en Alexandría— non chegou a consumir os seus restos grazas á intervención providencial dunha tormenta (Goosen Fuentes 2008: 187).
En 829, o corpo do evanxelista chegaría a Venecia, cidade coa que acabaría por identificarse e da que se convertería en patrón grazas á basílica que leva o seu nome. A chegada das reliquias á lagoa —descubertas máis tarde mediante o milagre da apertura espontánea do sepulcro para indicar aos fieis o lugar da súa sepultura— foi posible por mor dun furto cometido polos venecianos en Bucoles (Goosen Fuentes 2008: 187; Cooper 2013: 169). En relación con Venecia e coa basílica, coñécense tamén algúns milagres espectaculares destinados a confirmar a súa protección. Entre os acontecidos post mortem, destacan o salvamento dun mozo que caera dunha das torres da igrexa e a axuda ofrecida a un escravo provenzal que, por decidir peregrinar até Venecia, sufrira duras torturas ás mans do seu dono (Goosen Fuentes 2008: 187).
Considerado protector de secretarios, notarios e construtores, os seus atributos —frecuentes na iconografía— son un libro, materiais de escritura e o famoso león (Cooper 2013: 169). A súa festa celébrase o 25 de abril.
- Bibliografía
Cooper 2013 = Jean C. Cooper (ed.), Dictionary of Christianity, London and New York, Routledge-Taylor and Francis Group, 2013.
Goosen Fuentes 2008 = Luis Goosen Fuentes, De Andrés a Zaqueo. Temas del Nuevo Testamento y la literatura apócrifa en la religión y las artes. Traducción: Barbara Zitman, Madrid, Akal, 2008.
Mettmann 1989 = Walter Mettmann (ed.), Alfonso X, el Sabio. Cantigas de Santa María. Cantigas 261 a 427. III. Edición, introducción y notas, Madrid, Castalia, 1989.
Montes 2008 = José María Montes, Los santos en la historia. Tradición, leyenda y devoción, Madrid, Alianza Editorial, 2008.
