Mateo (San)
- Títulos
- Mateo (San)
- Autor
- Manuel Negri
- Orixe
- CSM 59 (XIII, 5), 133 (VII, 4), 155 (I, 3), 251 (XV, 3), 282 (VI, 3), 292 (IX, 3), 295 (IV, 3), 313 (VI, 2), 401 (II, 5), 426 (III, 4)
- Data
- 1252-1284
Dublin Core
- Forma nas CSM
Mateos / Mateus / Matheus / San Mateus / San Matheus
- Ocupación
- Evanxelista
- Información prosopográfica
Primeiro evanxelista, un dos apóstolos que, tras a morte de Cristo, exerceu o seu labor en Xudea. Segundo a tradición, morrería en Exipto ou Etiopía como mártir, despois de se ter desprazado a aquelas terras para evanxelizalas (Negri 2017a: 246). Estes elementos da figura de Mateo son froito de identificacións propostas nun momento posterior á tradición evanxélica.
A tradición segundo a cal debese atribuír a Mateo o primado na redacción dos Evanxeos canónicos era xa coñecida por Papías, bispo de Hierápolis (ca. 130). Tamén na Historia Ecclesiastica de Eusebio de Cesarea se fai referencia a este aspecto, engadindo que o apóstolo escribira o Evanxeo na súa lingua materna, o arameo, no marco da súa actividade predicadora (Goosen Fuentes 2008: 239). Esta dedicación do santo é subliñada por Clemente de Alexandría, quen relata a partida de Mateo desde Palestina para difundir a palabra de Cristo en diversas rexións (Etiopía, Partia ou Persia, segundo as distintas tradicións) (Goosen Fuentes 2008: 239).
Ao igual que acontece con outras figuras neotestamentarias, a biografía de Mateo experimentou unha notable amplificatio ao longo da Idade Media, cargándose de trazos heroicos e cabaleirescos. A Legenda aurea, por exemplo, transmite o relato espectacular da morte dun dragón durante a súa actividade evanxelizadora en Exipto ou Etiopía. A besta, enviada polos magos Zaroes e Arfaxad, sementaba o pánico na cidade de Vadaber e chegara mesmo a devorar habitantes, mais a Mateo abondoulle co sinal da cruz para neutralizar o enorme serpe. Despois de devolverlle a vida ao fillo do rei de Exipto, recibiu a veneración do pobo e a súa adhesión á palabra de Cristo (Goosen Fuentes 2008: 240).
Aínda que, segundo unha tradición vinculada a Heracleon (ca. 165), Mateo morrería de morte natural, a lenda mencionada ofrece unha versión alternativa destinada a presentalo como unha figura propiamente martirial. A violenta morte do santo produciríase a mans de Hirtaco, sucesor do rei, irritado porque Mateo convencera a princesa Ifigenia —prometida ao herdeiro— de conservar a súa virxindade (Goosen Fuentes 2008: 240). Sempre segundo a Legenda, Mateo falecería dunha coitelada no intre en que celebraba misa; mais apareceu acto seguido para desviar o lume que Hirtaco, incapaz de obrigar a princesa Ifigenia a renunciar ao seu voto de castidade, prendera no convento onde ela residía. Hirtaco e o seu fillo lograron salvarse, pero finalmente o primeiro foi vencido por unha terrible enfermidade, deixando o trono ao irmán da princesa coa bendición de Mateo (Goosen Fuentes 2008: 240).
Como xa se indicou, malia que a tradición haxiográfica atribuída ao santo vincula o Evanxeo homónimo ao arameo e a unha actividade predicadora precisa, é probable que a realidade histórica fose ben diferente. Segundo diversas investigacións filolóxicas, é posible supoñer que o Evanxeo de Mateo vise a luz en Siria arredor dos anos 80 ou 90 e que fose escrito en grego. Ademais, trataríase do resultado dunha reelaboración conxunta de diferentes fontes: coleccións antigas escritas, noticias transmitidas oralmente e enunciados dispersos (Goosen Fuentes 2008: 240).
O nome de Mateo está tamén relacionado coa tradición apócrifa do Liber de ortu beatae Mariae et infantia Salvatoris, coñecido popularmente como o Evanxeo do pseudo-Mateo. É sabido que moitas outras tradicións medievais recorreron a este escrito para encher os baleiros biográficos deixados polos textos canónicos sobre diversas figuras neotestamentarias.
Unha tradición consolidada sostén que as reliquias do santo foron trasladadas desde Etiopía até Salerno no decurso do século X. A partir dese momento, recoñeceuse a Mateo como protector dos cobradores de impostos, contables e cambistas (Goosen Fuentes 2008: 242).
- Bibliografía
Goosen Fuentes 2008 = Luis Goosen Fuentes, De Andrés a Zaqueo. Temas del Nuevo Testamento y la literatura apócrifa en la religión y las artes. Traducción: Barbara Zitman, Madrid, Akal, 2008.
Negri 2017a = Manuel Negri, Le Cantigas dei santi nello scriptorium del re Alfonso X Il Saggio, Tese de Doutoramento, Santiago de Compostela, Universidade de Santiago de Compostela, 2017, vol. I.
