Simeón (san)
- Orixe
- Symeon (411, VI, 4; 417, III, 1) / San Symeon (417, Ep., I, 2)
Dublin Core
- Occupation
- Santo
- Biographical Text
- Excluíndo o caso do San Symeon que aparece ao final da CSM 138 e que moi probablemente se refire a Simon Pietro (ver a ficha correspondente), o nome (San) Symeon aparece nas CSM 411 e 417 case con toda seguridade referíndose a unha soa personaxe. No primeiro texto, que abre o ciclo das 'cantigas das festas' dedicadas ao nacemento e á infancia da Virxe María, Simeón é un dos dous sacerdotes que, xunto con Rubén -partindo do que narra, por exemplo, o Pseudo Mateo (Fidalgo Francisco 2017: 428)-, exerce a súa autoridade ao prohibir a Joaquín entrar no templo durante un día de festa xa que este aínda non tiña fillos. Esta condición de esterilidade, de feito, na antiga crenza xudía, era vista como consecuencia dunha verdadeira maldición divina capaz de causar non só vergoña no matrimonio, senón tamén exclusión social (Arroñada 2003: 198; Álvarez Díaz 2005: 1243). Na CSM 417, San Simeón reaparece vencellado ao lugar de culto frecuentado pola familia da Virxe, pero esta vez cando María, máis adulta e xa nai, está a piques de presentar a Xesús no templo. O episodio, tomado de Lucas 2:21-35 (Negri 2017b: 524), é o que levou séculos despois á institución da festa mariana da Purificación (Mettmann 1989: 337): aquí, Simeón revélase como unha personaxe de toda importancia para asistir ao acto de ofrenda da Virxe (Negri 2017a: 233 e 2017b: 524), mesmo bicando os pés do neno e revelando que o Espírito Santo lle anunciara que non morrería sen antes ter visto ao Mesías (Fidalgo Francisco 2017: 433). Tendo en conta os dous contextos narrativos vinculados ás Sagradas Escrituras, non só é doada a hipótese de que con Simeón nos referimos a un único referente, senón que este nome fai referencia á figura profética transmitida polos apócrifos, como xa indicado en González Martínez 2007: 583 e Fidalgo Francisco 2017: 427; ademais de ter sido xa obxecto de categorización onomástica en Negri 2017a: 223 e 2017b: 518, como antropónimo que fai referencia a santos que non son protagonistas do corpus e pertencen a un contexto do Antigo e Novo Testamento. Se un dos primeiros en espallar a lenda relativa ao profeta en Europa occidental parece ser Gregorio de Tours (Seymour 1976: 193), o culto reservado a San Simeón o Vello atopa xa na Alta Idade Media un dos seus primeiros testemuños coa noticia da custodia dun dos seus brazos na abadía francesa de Saint-Denis. Segundo unha tradición consolidada, esta reliquia -cuxa importancia residía precisamente en soster a Cristo e cuxa simboloxía se referiría axiña ao apoio ofrecido á Igrexa polo Sacro Imperio Romano Xermánico (Seymour 1976: 193)- sería transportada de Constantinopla tras unha viaxe a Oriente Medio polo propio Carlomagno, quen, nun principio, a depositara en Aquisgrán (Seymour 1976: 193). A tradución global dos restos mortais do profeta tería lugar entre 565 e 578 desde Siria a Constantinopla, para logo sufrir un novo e definitivo movemento en 1203, tras a toma da cidade polos cruzados coa axuda da frota veneciana (Seymour 1976: 193). Nesa data, de feito, o corpo de Simeón quedaría en Zara, na costa de Dalmacia, en concreto na Velika Gospa, a famosa igrexa dedicada á Virxe María. Do mesmo xeito que a atención que lle prestou Carlomagno durante o século IX, o interese mostrado polos venecianos cara a súa figura tivo tamén o mérito de consolidar o recoñecemento do seu papel na historia da Salvación na Europa occidental, que culmina coa construción do famoso cenotafio, o cal, dende o século XIV, se pode admirar no interior da igrexa a el dedicada, a de San Simeone Grande (Seymour 1976: 194, 199)
Person Item Type Metadata
Colección
Etiquetas
Cita
Manuel Negri, “Simeón (san),” GloSabio: Persoas e Lugares nas Cantigas de Santa María, accedeu a 17 setembro 2024, https://glosabio.omeka.net/items/show/172.