InicioAcerca de

Acerca de

GloSabio é unha ferramenta dixital en curso de elaboración para a recuperación e a consulta de información actualizada e contrastada sobre topónimos e antropónimos mencionados nas Cantigas de Santa María. A iniciativa enmárcase no proxecto 2022-PG086 Nomes propios nas Cantigas de Santa María: persoas e lugares. Creación dun dicionario en formato libro dixital e dunha base de datos na rede, financiado pola Xunta de Galicia e realizado na Universidade de Santiago de Compostela [versión BETA].


Historia e obxectivos de GloSabio

Contexto e precedentes

As Cantigas de Santa María foron obxecto de numerosos estudos sobre precedentes narrativos, modelos musicais, tradición manuscrita e aspectos métricos e retóricos, mais case nunca se analizaron de xeito sistemático os nomes propios que aparecen na obra. Un dos poucos precedentes é o “Índice de nombres propios e de asuntos importantes de las Cantigas de Santa Maria” de Agapito Rey (1927), publicado no Boletín de la Real Academia Española. Trátase basicamente dun índice, no que as entradas non chegan a desenvolver unha auténtica análise onomástica.

No 1977, Joseph T. Snow cualificou este traballo como “a useful supplementary index to the Valmar ed.”, mais xa sinalaba a necesidade de o revisar e, sobre todo, de o ampliar con máis información e propostas interpretativas. Entre 1959 e 1972 apareceu a edición crítica das Cantigas de Santa María de Walter Mettmann, que fornece notas e un Glosario con apuntamentos sobre nomes propios, mais sen atender de maneira sistemática á súa etimoloxía nin á interpretación conxunta do sistema onomástico.

Máis recentemente, o artigo “Antropônimos e Topônimos nas Cantigas de Santa Maria” de Gladis Massini-Cagliari e Helena Maria Boschi da Silva (2012) ofrece un levantamento de estranxeirismos con finalidade principalmente lingüística, para estudar o grao de adaptación ao sistema fonolóxico do portugués arcaico, sen configurarse como un repertorio interpretativo completo de todos os nomes propios da colección.

Necesidade do proxecto

A escaseza de traballos sistemáticos sobre topónimos e antropónimos nas Cantigas de Santa María e a ausencia dun instrumento de consulta exhaustivo fan necesario un novo proxecto que revise, amplíe e actualice a información dispoñible. GloSabio pretende abrir e liderar esta liña de investigación, retomando e superando o precedente de Agapito Rey de 1927 e integrando os avances textuais e filolóxicos posteriores.

Obxectivos e resultados esperados

O proxecto quere así proporcionar á comunidade investigadora unha ferramenta de referencia para traballos editoriais, estudos históricos e análises literarias sobre as Cantigas de Santa María. A mellor comprensión dos personaxes, lugares e contextos permitirá afinar a lectura da obra mariana do Rei Sabio e achegar novo contido interpretativo a nomes propios que hoxe adoitan aparecer como simples etiquetas sen explicación.


Vídeo de presentación


O equipo

Investigador principal

Manuel Negri, Doutor Internacional cum laude en Estudos Medievais (USC) e Premio Extraordinario cunha tese sobre a representación dos santos nas Cantigas de Santa Maria (dir. Elvira Fidalgo Francisco). Formouse previamente na Università degli Studi di Padova (Italia), onde se licenciou en Letras cun traballo sobre métrica provenzal e completou en 2012 o máster en Filoloxía Románica cunha proposta de edición crítica do trobador Afonso Paez de Braga.

En 2018 incorporouse como Investigador Posdoutoral á USC co proxecto Literatura de eixo Atlántico: as Cantigas de Santa María de ámbito galego e portugués, en colaboración co Centro de História da Sociedade e da Cultura da Universidade de Coimbra e co Centre for the Study of the Cantigas de Santa Maria da Universidade de Oxford. Baixo a dirección de Elvira Fidalgo Francisco participou tamén no proxecto internacional de I+D As Cantigas de Santa Maria: da edición á interpretación (Ref. FFI2014-52710-P), financiado polo MINECO.

Posteriormente foi Investigador Posdoutoral Contratado na Universidade de Santiago de Compostela (I2C Mod. B – Xunta de Galicia) co proxecto Nomes propios nas Cantigas de Santa Maria: persoas e lugares. Creación dun dicionario en formato libro dixital e dunha base de datos na rede. Na actualidade é Profesor Axudante Doutor na USC. Os seus principais intereses de investigación céntranse nas fontes das cantigas marianas; os resultados publicáronse en revistas de impacto e presentáronse en varios congresos internacionais. É membro da Asociación Hispánica de Literatura Medieval (AHLM) e da Sociedade de Estudos Medievais e Renacentistas (SEMYR).

Colaboracións

Almudena Bouzón Custodio, colaboradora no marco da axuda Ref. ED481D-2022-008 da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades da Xunta de Galicia. Graduada en Historia pola Universidade de Santiago de Compostela, cursou tamén o Máster en Estudios Medievais Europeos: Imaxes, textos e contextos na mesma universidade. No 2022 defendeu a súa tese de doutoramento "La Orden del Temple en el Reino de Galicia en la Edad Media", dirixida polos profesores Julio Vázquez Castro (USC) e Xosé M. Sánchez Sánchez (USC-UNED), realizada dentro do Programa de Estudios Medievais da USC. Ampliou ademais a súa formación en paleografía e diplomática.